Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta financia con 200.000 euros a programación anual das salas Ártika e Ensalle de Vigo e Teatro del Andamio e Gurugú da Coruña


— Publícase a adxudicación desta convocatoria de subvencións, destinada a garantir a estabilidade no funcionamento das salas privadas de artes escénicas

— Os catro espazos, integrantes da Rede Galega de Salas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, repiten como adxudicatarios desta liña de apoio

A Xunta de Galicia acaba de publicar a resolución de concesión da súa convocatoria anual de subvencións a salas privadas de artes escénicas, a través da que contribúe con 200.000 euros ao desenvolvemento da programación dos espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e dos coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú. Os catro repiten por quinto ano consecutivo como adxudicatarios destas axudas, en virtude das que integran a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
A través desta liña de apoio, garántese a estabilidade no seu funcionamento mediante a cobertura dos custos derivados do mantemento da súa actividade, ao tempo que se lles recoñece o seu destacado papel ao servizo da difusión e da creación de públicos para o sector.

A convocatoria, xestionada en réxime de concorrencia competitiva, está especificamente dirixida a salas escénicas que non superen as 150 localidades dispoñibles e tiveran realizado un mínimo de 50 representacións durante 2023.

Desta volta, a Sala Ártika volveu acadar a máxima puntuación, de acordo coa que recibirá unha achega de 75.000 euros, seguida de Teatro Ensalle cunha subvención de 69.617 euros, Teatro del Andamio con 32.215 euros e Sala Gurugú con 23.168 euros. Para a súa concesión, a comisión de valoración tivo en conta a antigüidade da empresa, a capacidade do local ou a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2023. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, foi outra das cuestións valoradas, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.

As contías adxudicadas serán destinadas a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.